12 de setembro de 2016

12 de setembro: Aniversario de Stanislaw Lem

Stanislaw Lem (12 de setembro de 1921 - 27 de marzo de 2006) foi un escritor polaco cunha obra caracterizaza polo seu ton satírico e filosófico. Os seus libros, entre os cales se atopan Ciberíada e Solaris, traducíronse a 40 linguas. É considerado como un dos maiores expoñentes do xénero da ciencia ficción e dos poucos que o logrou sen escribir en inglés.

Stanislaw Lem naceu en Leópolis, que até 1939 formaba parte de Polonia (agora Ucraína). Durante a guerra foi membro da resistencia. A súa familia, católica pero de ascendencia xudea, salvouse do Holocausto. Na Guerra traballou de soldador e mecánico, posto desde o cal realizaba algunhas accións de sabotaxe, aínda que el comentaba que a súa calidade como soldador era baixa, polo cal era fácil que houbese sabotaxe.

En 1948 abandonou a carreira de mediciña polas súas discrepancias ideolóxicas, evitando así a incorporación forzosa a filas como médico militar. Ese mesmo ano acabou a súa primeira novela, O hospital da transfiguración, que non publicará até 1955 por problemas coa censura comunista. A súa primeira obra publicada é Os astronautas (1951), de estilo utópico. Temas e influencias como a cibernética, que defende Lem, prohíbense por considerarse unha influencia negativa orixinada polo capitalismo.

Lem escribiu principalmente sobre o contacto entre humanos e civilizacións extraterrestres (Diarios das estrelas, A voz do seu amo, Fracaso), entre humanos e medios extraterrestres, sexan en parte obra de culturas (Edén, Diarios das estrelas), ou estraños ecosistemas (O Invencible ou Solaris, a súa novela máis coñecida), e sobre o futuro tecnolóxico (Fábulas de robots, Ciberíada, Paz na Terra).

Lem foi membro honorario da SFWA (escritores norteamericanos de ciencia ficción e fantasía) en 1973, pero foi expulsado en 1976 tras declarar que a ciencia-ficción estadounidense era de baixa calidade literaria e estaba máis interesada en aventuras que en desenvolver novas ideas ou formas literarias.

Faleceu o 27 de marzo do 2006 en Cracovia aos 84 anos de idade, despois dunha longa enfermidade coronaria.

Páxina web: http://spanish.lem.pl 

Pequeno texto no blog de Brigantium en 2013.

Pequeno texto no blog de Brigantium en 2014

Pequeno texto no blog de Brigantium en 2015

Pequeno texto no blog de Brigantium en 2016


20 de xullo de 2016

Viaxes e camiñatas en verán

A asociación INCUDE organiza varias viaxes que os recomendamos e que teñen en dúas modalidades; por un lado as realizadas en coches particulares nas que non hai cota, simplemente os gastos do combustible dos coches empregados e por outros os organizados en autobús, nos que pedimos unha pequena cantidade para axudar a cubrir gastos.

En todos os casos INCUDE promove a actividade pero as posibles cotas so inclúen as viaxes e non a comida nin outros gastos como entradas que son asumidos polos propios viaxeiros.

Sábado 23 de Xullo – Caaveiro

Sábado 30 de Xullo – Oseira, Carballiño e contorna.

Sábado 6 de Agosto – Pasatempo / Betanzos / Mariñán

Sábado 13 de Agosto – Sobrado dos Monxes

Sábado 20 de Agosto – Monumento Natural Costa de Dexo.


Sábado 27 de Agosto – Ortegal

Concretaremos en agosto os días e visitas do mes de Setembro

Fin de semana do 3 e 4 – Museo do Humor (Fene) e castelos.

Fin de semana do 10 e 11 – El Escorial (Madrid)

Fin de semana do 17 e 18 – Castro de Elviña




24 de maio de 2016

TORNEO DE PRIMAVERA DE XADREZ

Xa estamos a rematar este curso 2015-2016 e como peche o próximo fin de semana celébrase no Centro Comercial dos Rosales unha nova edición do Torneo de Xadrez de Primavera.

A actividade desenvolverase en dous días.

Desta maneira o venres 27 desde as 18,00 colocaranse unhas mesas para a disputa de partidas amigables e máis tarde, ás 20,00, iniciarase un torneo de partidas rápidas a cinco minutos que terminará unha hora máis tarde. Nesta proba os participantes xogarán nunha única categoría e haberá trofeos para o tres primeiros clasificados.

O sábado 28 disputarase o Torneo de Primavera no que poden participar todos os interesados no que os participantes serán divididos en categorías en función da súa idade; sub8, sub10, sub12, sub14 e absoluto.
As roldas terán lugar dende as 17,00 ás 19,30.

A participación é gratuita. Teremos trofeos para os tres primeiros de cada categoría e medallas para os xogadores sub14.

As inscricións poden realizarse no teléfono 981 150 168 ou no correo electrónico asociacion@palaestra.net