9 de outubro de 2015

Creación de Amigos do Maside

Neste mes de outubro Palaestra ten a idea dunha doble actividade pero relacionada; a creación dunha asociación de Amigos do Museo Carlos Maside e tamén comenzar a celebrar o LXXV Aniversario de Os Vellos non deben namorarse de Castelao.

A obra de Castelao estreouse en agosto de 1941 e as máscaras empregadas están no Museo Carlos Maside, no Castro, Sada.

O día 24 de outubro cumpriranse coarenta anos dende un acto celebrado en Sada na que o actor Tacholas declamou os textos que representara na estrea e regalou ao Museo as máscaras e mais material de Castelao relacionado coa mesma.

Estaremos encantados de escoitar propostas dos socios.

31 de xullo de 2015

Lugnasaad

Festividade celebrada o 1 de agosto, e na noite anterior a ese día.

Tamén chamada Lammas era unha festa dedicada ao deus Lugh, divindade solar, dispensador de sabedoría. É a festa celta da prosperidade. Nesta data celebraban nupcias dun ano e un día e podían renovarse cada ano nesta data. Período de tregua militar e celebración da colleita. A natureza desprega a súa abundancia e prosperidade.

Lugh, o Deus solar, era fillo de Kian e Ethlinn.
Cóntase que Kian tiña unha vaca máxica que podía dar leite en abundancia.
Balor, aproveitándose das súas artes máxicas, rouboulla e Kian enfureceu e pediu axuda a un druída para vingarse. A filla de Balor vivía nunha torre totalmente illada da civilización e custodiada por mulleres para que non coñecese nunca a algún home. Isto era asi porque Balor escoitara unha profecía que dicía que seria asasinado polo seu neto. O druída enfeitizou ás gardiás da torre e así Kian entrou e coñeceu á fermosa Ethlinn e posuíuna. Desta experiencia nacerían trillizos.
Balor enfurecido mandou afogar aos nenos pero un salvouse e foi coñecido como Lugh.

Lugh foi asimilado ao Mercurio romano. A festa foi probablemente cristianizada na Asunción. Nas illas de Man o Lugnasaad celebrábase o domingo seguinte ao 12 de agosto. O nome significa xogos ou asemblea de Lugh. En textos irlandeses fálase de gran variedade de xogos. Brandub parece ser un xogo similar ás damas ou ao xadrez. Os banquetes eran importantes como forma de unión da tribo ou a aldea e ademais servían para redistribuír os botíns. Nestes era importante a presenza dos bardos, do viño, a cervexa e o hidromel.

Verémonos á noitiña xunto ao lume, debaixo do carballo mentres o bufo ulula baixo o ceo cheo de estrelas e o lobo aúlla no bosque próximo. Que Lug protéxavos!

29 de xuño de 2015

CORUÑA EN SEPIA

A Asociación Palaestra e a Asociación de Iniciativas Culturais e Deportivas Universitarias (INCUDE) colaboran por segundo ano nun concurso de fotografía baseado nos cambios experimentados na cidade da Coruña.

A idea é realizar unha fotografía actual do lugar que aparece nas que iremos publicando, de forma que se premiará á mellor serie de fotografías que reflexen os cambios.

Deste xeito invitamos a meditar non só aos participantes, se non a todos os lectores das nosas webs, sobre a evolución da cidade e a transformación dos seus espazos, reflexionando sobre os cambios entre A Coruña do século XX e a do século XXI.

Dende o 1 de xullo publicaremos unha fotografía cada domingo e mércores, finalizando a serie a finais de setembro. En relación ao ano pasado, as vinte e cinco fotografías escollidas nesta edición serán de edificios e ruas mais doados de recoñecer na cidade de hoxe.

As fotografías poden remitirse a incude@udc.es ata o 15 de outubro de 2015.

Coas fotografías realizarase unha pequena exposición.

Ademais haberá os seguintes premios:

1º PREMIO: Trofeo, libro e 100 €
2º PREMIO: Trofeo, libro e 50 €
3º PREMIO: Trofeo, libro e 25 €