16 de abril de 2026

Falecemento de Ernesto Pérez Ramil

Lamentamos comunicar que faleceu o noso presidente e fundador, Ernesto Pérez Ramil, tras unha enfermidade contra a que levaba loitando nestes últimos meses.

No ano 1989 fundou a nosa asociación co obxectivo de fomentar a cultura e o deporte na nosa sociedade.

Foi un firme defensor do patrimonio cultural, realizando actividades, intercambios e visitas por toda Galicia. No ámbito deportivo tivo unha especial dedicación á divulgación e ao ensino do xadrez, onde marcou a varias xeracións de xadrecistas coas actividades, clases e torneos que incansablemente ofrecía.

Empregaba o xadrez non como un fin en si mesmo, senón como unha ferramenta para o desenvolvemento persoal e o pensamento global. Preocupouse tamén pola divulgación do xadrez, facéndoo accesible a todas as persoas e procurando que unha gran parte das actividades fosen gratuítas.

Deixa un gran baleiro irremplazable tanto no ámbito deportivo como no cultural e, especialmente, no persoal. Moitas grazas por todo o que nos achegaches; botarémoste moito de menos e esperamos poder manter o teu legado.

Compañeiro, amigo, familia: sempre te lembraremos. Descansa en paz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario